A poesia foi o xénero co que se sentiu máis identificado. A poesía "era unha sorte de relicario, un precioso ben ao que se aferrar por se tratrar dun instrumento necesario sobre o que verques as súas inquedanzas, dúbidas, alegrías, pensamentos... Os poemas posteriores á guerra civil son máis sombríos que os precedentes... Frecuenta o clasicismo con referencias de natureza histórico-cultural.
Segundo Pilar Pallarés "a súa poesía conecta intimamente coa europea e é testemuño, temática e esteticamente, dun século XX do que Carvalho se recoñece fillo. A súa obra poética, na que hai modernismo, neotrobadorismo, hilozoísmo, creacionismo, ultraísmo etc é ampla:

  • Pretérito imperfeito (1927-1961) -que recolle os primeiros libros-. Contén a produción poética en galego de Ricardo Carballo Calero desde 1927 a 1961, xa publicada nos seus libros:
    • Vieiros, 1931, A Coruña. Reedita só 9 dos poemas.
    • O silenzo axionllado, 1934, Santiago.
    • Anxo de terra, 1950, Pontevedra.
    • Poemas pendurados dun cabelo, 1952, Lugo.
    • Salterio de Fingoi, 1961, Vigo

 

  • Futuro condicional (1961-1980). No libro recóllense poemas dispersos, publicados en revistas e mesmo inéditos; en todo caso non reunidos antes en libro. O material foi agrupado en tres partes,
    • 1ª parte: Excalibur. Predomina a reflexión sobre a vida de quen aspira a exercer de home nun país de deuses
    • 2ª parte: Venusberg. Visita a temática da muller, o amor e a súa dialéctica con infinitas solucións e coas súas mentiras, soños e ambigüidades.
    • 3ª parte: Avalón. Contén a poesía mítica con referencias á mitoloxía e cultura gregas, ao universo artúrico ou á cultura exipcia, pero tamén ao nazismo... Hai unha evocación do Ferrol da súa infancia, a dialéctica do rural e do urbano, e unha homenaxe a Cunqueiro.

 

  • Cantigas de amigo e outros poemas (1980-1985)

Son textos inéditos non recollidos en libro antes. o propio título do volume é xa unha declaración de principios: a insensible muller da posguerra  que non era quen de estar á altura dos sentimentos do home deixou paso á nova muller dos 80, á amiga actual que “sen necesidade de refram nen paralelismo” é capaz de amar coa mesma intensidade que o poeta.
Nos dous primeiros apartados falan esas mulleres de hoxe das súas complexas relacións amorosas entre un el fragmentario e efémero e unha muller eterna e múltipla... Outros apartados evocan figuras míticas e históricas... O poeta defende o edén eterno previo ao pecado, reflexiona sobre o sentido igualador da morte, mergúllase no universo artúrico.

 

  • Reticências... (1986-1989)

Este é un libro complexo, extenso, organizado en seis apartados que visitan temas moi recorrentes. A indentidade entre o ser o desexo, a muller, a "doce e pérfida amante", a "amiga fiel que me tortura sempre", a felicidade que non comporta o amor, a vellez, a soidade e os soños, os eus englobados no eu, a percepción de todos os días ser o mesmo día a a loita tornarse estéril.
Reticencia no dicionario da RAG é omisión intencionada de algo que debía ou podía dicirse e que non se dixo, ou que non se di claramente. Reticências, en portugués, é o conjunto de três pontos seguidos que constituem um sinal de pontuação que indica suspensão do discurso ou do pensamento, como se ve no título da obra.